Programa “O teu Camiño, patrimonio de todos”

O Consello Xacobeo está a preparar un programa formativo relacionado co patrimonio do Camiño de Santiago.

Nas próximas semanas poderase consultar nesta web toda a información relativa ao programa formativo. Mentres tanto, adiantámosvos o principal.

QUE OBXECTIVO TEN O PROGRAMA?

O Teu Camiño de Santiago, patrimonio de todos é un programa formativo, destinado a mozos e mozas de Educación Secundaria Obrigatoria, cuxo obxectivo principal é fomentar o coñecemento do patrimonio cultural relacionado co Camiño de Santiago, e motivar neles unha reflexión sobre a importancia da conservación da ruta xacobea.

O programa convida a desenvolver traballos de creación artística relacionados cos camiños sobre os que traballa o Consello Xacobeo: Camiño Primitivo, Camiño da Costa, Camiño Francés, Camiño do Interior Vasco-Rioxano, Camiño Lebaniego e Camiño Catalano-Aragonés.

QUEN PODE PARTICIPAR?

Poderán participar grupos de mozos matriculados en Educación Secundaria Obrigatoria durante o curso académico 2017/2018.

QUE SE VALORARÁ NOS TRABALLOS PARA PARTICIPAR?

Valoraranse os seguintes aspectos xerais:

a) Posta en valor do patrimonio cultural, material e inmaterial, relacionado co Camiño de Santiago dentro dos Camiños do Consello Xacobeo.

b) Participación dos colectivos locais vinculados ao Camiño de Santiago (como asociacións de amigos do Camiño) no proceso de formación dos participantes.

c) Recoñecemento e apreciación por parte dos participantes do concepto e os diferentes tipos de patrimonio.

d) Elaboración dentro dun proceso multidisciplinar e participativo.

QUE TIPO DE TRABALLOS SE PODEN PRESENTAR?

Estableceranse tres categorías dentro do programa:

  • Fotografía
  • Cómic/foto cómic
  • Curtametraxe/vídeo

Todos os traballos deben ser colectivos, non se aceptarán traballos individuais.

COMO DIFUNDIREMOS OS TRABALLOS?

Todos aqueles traballos presentados farán o Camiño como un peregrino máis dun xeito moi especial, chegando a Santiago de Compostela, onde se exhibirán xuntos nunha exposición temporal que se celebrará alí.

Entre todos faremos que o voso Camiño sexa coñecido por máis xente!

Fonte: Consello Xacobeo

+INFO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *