bono iacobus

Que é o Bono Iacobus?

O Bono Iacobus é un servizo turístico deseñado especificamente para o Camiño de Santiago e que permite percorrer por etapas as distintas vías históricas que conducen a Santiago de Compostela. Por un prezo que oscila entre os 195 e os 970 euros, ofréceselle ao peregrino a planificación dunha ruta das sete dispoñibles, podendo beneficiarse de numerosas vantaxes que lle faciliten a viaxe.

Así pois, o Bono Iacobus inclúe, para cada unha das rutas, aloxamento nunha casa de turismo rural, con cea e almorzo incluídos; e por un suplemento máis, ofréceselle tamén a posibilidade dun pícnic no camiño para cada unha das etapas da ruta e o traslado da equipaxe dun sitio a outro. Ademais, ao final de cada etapa, recóllese ao viaxeiro é a pé de camiño e, despois de pasar a noite, acércase de novo en coche ao comezo da súa seguinte etapa.

Na actualidade, son sete as rutas que ofrece o Bono Iacobus:

  • Camiño Francés: É quizais a ruta máis coñecida de entre as distintas vías históricas que chegan a Santiago de Compostela. Ademais, foi recoñecido polo Consello de Europa en 1987 como o “I Itinerario Cultural Europeo”, distinguida pola UNESCO en 1993 como “Patrimonio Cultural da Humanidade” e recibiu o premio Príncipe de Asturias da Concordia no ano 2004. Esta ruta consta de 165 quilómetros divididos en 7 etapas. A pesar de ter orixe en terras francesas, como o seu propio nome indica, ao seu paso por Galicia esta ruta iníciase en O Cebreiro.
  • Camiño do Sudeste – Vía da Prata: Nos seus inicios, a Vía da Prata xa foi empregada para comunicar o sur co noroeste da península. Aínda que ten a súa orixe en Andalucía e Extremadura, ao seu paso por terras galegas a ruta enlaza Verín con Santiago de Compostela. Consta de 184 quilómetros divididos en 7 etapas.
  • Camiño Fisterra – Muxía: É a única ruta xacobea con orixe en Compostela. Aínda que é nesta cidade na que conclúe o Camiño como tal, hai peregrinos que deciden prolongar a súa viaxe ata a Costa da Morte. Esta ruta consta de 119 quilómetros divididos en 6 etapas.
  • Camiño Portugués: A peregrinación a Santiago de Compostela tivo en terras lusitanas unha importante proxección, participando o pobo portugués de maneira activa no desenvolvemento do culto xacobeo. Aínda que nos seus comezos a motivación principal desta peregrinación foi relixiosa, o certo é que co paso do tempo establecéronse profundos lazos de intercambio cultural, económico e de pensamento entre ámbolos dous países. Esta ruta, ao seu paso por Galicia, iníciase en Tui e consta de 115 quilómetros, divididos en 5 etapas.
  • Camiño do Norte: É a ruta máis histórica e a súa orixe remóntase ós momentos inmediatamente posteriores ó descubrimento da tumba do que di ser o apóstolo Santiago o Maior (s. IX). Iníciase, ao seu paso por Galicia, en Ribadeo, e consta de 193 quilómetros que se dividen en 7 etapas.
  • Camiño Inglés: É unha das rutas marítimas xacobeas que se utilizaban na Europa medieval para alcanzar Compostela. O punto de partida desta ruta en Galicia sitúase nos portos de A Coruña e Ferrol, e ámbalas dúas alternativas conflúen na parroquia de Bruma, ata chegar a Santiago. De facerse dende A Coruña, a distancia percorrida será de 75 quilómetros divididos en 3 etapas. De iniciarse a ruta en Ferrol, o seu percorrido será de 118 quilómetros que se dividirán en 5 etapas.
  • Camiño Primitivo: Debe o seu nome ao feito de ser o primeiro itinerario xacobeo do cal se ten referencia. Historicamente, o punto de orixe deste Camiño encóntrase na cidade de Oviedo e, xa en Galicia, conflúe co Camiño Francés na localidade de Melide. Trátase dun percorrido de especial dificultade debido ás súas características orográficas e ás súas condicións climáticas. Consta de 156 quilómetros que co Bono Iacobus se realizan en 6 etapas.

Por todo isto, se estades pensando en facer o Camiño de Santiago, o Bono Iacobus é, sen dúbida, unha excelente opción a ter en conta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *