Sinalízase simbolicamente o Camiño de Santiago en Glasgow coa inauguración dunha mouteira

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu a inauguración dunha mouteira do Camiño de Santiago na George Square, en Glasgow. O dirixente autonómico acompañado pola alcaldesa da cidade escocesa, Eva Bolander, descubriu este simbólico fito, situado a 1475 quilómetros da Catedral de Santiago, meta da peregrinación xacobea.

Ao longo deste acto, o conselleiro salientou que o elemento pétreo instalado no corazón de Glasgow contén os principais símbolos do Camiño. Estes símbolos son a concha, un dos máis antigos e representativos da Ruta Xacobea; a frecha amarela, que indica a dirección correcta, e o punto quilométrico que sinala a distancia ata a Catedral de Santiago.

Cómpre recordar que o Atlántico foi, desde a Idade Media, un espazo de peregrinación para milleiros de persoas de toda Europa, tamén do Reino Unido, que chegaba ás cidades portuarias de Galicia no seu camiño cara a Santiago de Compostela. Esta vía, coñecida como Camiño Inglés, foi recuperada nas últimas décadas e na actualidade é o quinto itinerario xacobeo máis percorrido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *