Turismo de Galicia colabora cos concellos do Camiño Francés para reparar os danos causados polos últimos temporais

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou 11 convenios de colaboración cos alcaldes dos concellos polos que discorre o Camiño Francés. Coa súa sinatura, o Goberno galego mobiliza un investimento de preto de 360.000 euros para levar a cabo actuacións urxentes de reparación no Camiño Francés debido aos danos causados polas choivas e os temporais dos últimos meses.

A Xunta de Galicia achegará o 77% dos fondos necesarios para desenvolver estas accións, mentres que o restante será aportado polos concellos. Esta actuación permitirá que estea en perfectas condicións ante a tempada estival, cando se recibe maior volume de peregrinos.

En concreto, os convenios beneficiarán aos concellos de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso e Palas de Rei, na provincia de Lugo, e Melide, Arzúa e O Pino, na provincia da Coruña. Afóndase deste xeito no amplo compromiso de cooperación do Goberno autonómico cos concellos do itinerario xacobeo máis percorrido. O Camiño Francés, que o vindeiro outono cumprirá 25 anos desde a súa declaración como Patrimonio Mundial pola Unesco, segue a ser o favorito dos peregrinos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *