Turismo de Galicia edita unha nova guía do Camiño de Inverno

O Camiño de Inverno conta cunha nova guía divulgativa editada por Turismo de Galicia. Trátase dunha publicación, con información práctica para os peregrinos, que forma parte do compromiso da Xunta de Galicia con este itinerario, que foi recoñecido oficialmente o pasado ano coa aprobación da Lei de Patrimonio Cultural.

A nova guía, editada en sete idiomas (galego, castelán, inglés, francés, alemán, portugués e italiano) segue o formato das publicadas para o resto dos Camiños. Dispón de contidos sobre o mundo da peregrinación xacobea, a súa historia, ritos ou costumes, que permiten ao camiñante contextualizar a súa experiencia. Amais, ofrece aqueles datos prácticos que máis soen demandar os peregrinos: planos, perfís e distancias quilométricas, detalles das etapas e información básica dos concellos que atravesan, os seus recursos e servizos, lugares para visitar, albergues, teléfonos ou webs de consulta, ademais de consellos durante a marcha. E mesmo sirve como credencial para selar e obter a Compostela acreditativa da peregrinación.

En concreto, o Camiño de Inverno discorre por Rubiá, Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, na provincia de Ourense; Quiroga, A Pobra de Brollón, Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Chantada, en Lugo; Rodeiro, Lalín, Silleda e A Estrada, en Pontevedra, e Vedra, Boqueixón e Santiago de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *