Turismo de Galicia felicita ao Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago polo seu labor ao longo dos últimos 25 anos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, clausurou a última reunión de traballo do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, un equipo de prestixiosos especialistas xacobeos que asesora á Xunta neste eido desde hai 25 anos. A este aniversario dedicou Castro palabras de felicitación, nunha intervención na que agradeceu o infatigable labor deste comité desde os meses previos do Ano Santo 1993, que marcou un antes e un despois na historia recente da peregrinación, e ata a actualidade, no prólogo doutro importante Xacobeo, o que se celebrará no 2021.

Nava Castro deu as grazas aos nove membros deste comité, presidido por Paulo Caucci, profesor na Università degli Studi di Perugia, “en nome de todos os galegos e dos peregrinos polo seu apoio neste cuarto de século fundamental na definición, xestión e promoción do Camiño de Santiago”. Algúns deles mesmo se implicaron na declaración da ruta xacobea como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, un feito do que se cumprirán 30 anos no próximo mes de outubro e que Turismo de Galicia prevé conmemorar cunha programación especial.

Na súa xuntanza, celebrada hoxe no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago abordou diferentes temas de importancia para a divulgación e a investigación xacobea como o X Congreso Internacional de Estudos Xacobeosque terá lugar en Santiago de Compostela en novembro, o número 8 da revista Ad Limina ou a Cátedra do Camiño do Santiago e das Peregrinacións, creada recentemente entre Turismo de Galicia, a Universidade de Santiago e a Catedral compostelá. O seu director, Domingo González Lopo, participou na reunión co obxectivo de coordinar a acción da mesma co comité, que exerce de órgano asesor nela. Os distintos informes presentados polos especialistas permiten constatar a oportunidade e o dinamismo do fenómeno xacobeo.

Compoñen o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago Paolo Caucci, o seu presidente, profesor na Univertità degli Studi di Perugia e presidente da Confraternita di San Jacopo di Perugia; Manuel Castiñeiras, profesor na Universidade Autónoma de Barcelona; Klaus Herbers, profesor na Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürberg; Fernando López Alsina, catedrático de Historia Medieval na Universidade de Santiago; Robert Plötz, profesor na Universität Würzburg e residente da Deutschen St. Jakobus-Gesellschaft; Adeline Rucquoi, directora de Investigación no Centro Nacional de Investigacións Científicas de Francia e presidenta da Société Française des Amis de Saint Jacques de Compostelle; Simon Barton, profesor na Universidade de Exeter; Segundo Pérez, director do Instituto Teolóxico Compostelano e deán da Catedral de Santiago, e María José Azevedo, profesora catedrática da Facultade de Letras de Coimbra (Portugal).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *