Turismo de Galicia presenta a guía “Lugares xacobeos en Compostela e a súa contorna”

Turismo de Galicia presentou a guía Lugares xacobeos en Compostela e a súa contorna, que recolle os lugares máis importantes ou singulares relacionados co mundo da peregrinación. Trátase dunha publicación que fai un repaso dos numerosos vínculos xacobeos que acolle a meta do Camiño de Santiago e os seus municipios veciños, e propón un total de dezaseis itinerarios a través dos cales coñecer máis de preto o ámbito xacobeo e a orixe do Camiño de Santiago.

En primeiro lugar, a guía propón unha viaxe polas antigas portas da cidade de Santiago, San Domingos de Bonaval e Santa María do Camiño, para continuar por Casas Reais, A Quintana e Antealtares.

O terceiro itinerario que nos ofrece esta publicación informativa céntrase na propia catedral de Santiago de Compostela, para darlles paso deseguido ás entradas e fachadas da basílica, aos espazos catedralicios máis ligados á peregrinación xacobea, e ao gran salón de Europa, a Praza do Obradoiro. De alí lévanos do convento franciscano ao mosteiro de San Martiño Pinario e de Mazarelos a Solovio.

Así mesmo dedica un dos seus apartados a Santiago e os seus peregrinos nas rúas de Compostela, outro á Alameda e un máis a Santa María do Sar, Santa María de Conxo e o castelo da Rocha Vella.

Xa afastados do centro de Compostela, a guía afonda no vínculo xacobeo do Monte do Gozo para finalizar abordando nos seus últimos apartados a importancia da contorna de Santiago co Monte Pedroso, o Pico Sacro e Iria Flavia, e rematar con Santiaguiño do Monte e Padrón.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *