Turismo de Galicia e a USC presentan o Estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago

Turismo de Galicia presentou os primeiros resultados do Estudo do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago, un traballo froito da colaboración entre a Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). O informe revela a repercusión que a ruta xacobea está a ter nas economías dos concellos do rural, no emprego, nas tendencias demográficas e noutros aspectos sociais, culturais e medioambientais. De feito, a poboación local ve na peregrinación unha oportunidade que contribúe a solucionar boa parte dos seus problemas.

As primeiras conclusións do informe foron expostas polo profesor Melchor Fernández, que dirixiu o estudo xunto a Dolores Riveiro, membros do Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC e en coordinación cos técnicos especialistas da Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia.

Esta investigación, incluída no Plan director do Camiño de Santiago, amosa un forte impacto económico, un intenso impacto a escala local e a satisfacción que xera entre os residentes, que foron enquisados como parte do traballo de campo. Amais, o informe subliña o exemplo de sustentabilidade e medioambiental que representa o modelo da ruta xacobea.

No eido do impacto económico, o estudo revela que os peregrinos concentran o 2,3% do gasto turístico na Comunidade galega, pero á vez cada un deles supón o mesmo impacto económico que 2,3 turistas nacionais, pola diferenza que constitúe en estadía media, gasto medio e multiplicador. Desde xeito, cada euro de gasto do peregrino xera ata un 11% máis de produto e ata un 18% máis de emprego. Ademais, un 80% volverán como turistas no futuro.

Preguntados pola influencia do Camiño de Santiago nos seus concellos, os residentes dan unha valoración moi positiva, en especial para o conxunto da poboación. Maioritariamente consideran que o concello prosperou e que os beneficios son superiores aos costes.

Os veciños aprecian impactos económicos favorables nos ingresos e nivel de vida dos seus municipios, o comercio local, as posibilidades de emprego ou a actividade turística.

Amdeais, non notan impactos negativos. Perciben que o Camiño de Santiago non perxudica a outras actividades e que os seus beneficios son para residentes do propio concello.

O Camiño de Santiago non xera conflitos entre os residentes, que afirman que non dificulta a mobilidade nin o acceso aos diferentes servizos municipais. Ten, así mesmo, un impacto cultural positivo, sobre todo en relación á restauración e a mellora do patrimonio. Amais, os veciños ven no Camiño de Santiago unha oportunidade para coñecer outras culturas.

Tamén no referido ao impacto demográfico os expertos da USC conclúen que a percepción é positiva, pois contribúe ao mantemento da poboación. Aínda que, en liña coa tendencia xeral da Comunidade, as dinámicas son regresivas, a análise permite comprobar que estas foron atenuadas pola peregrinación. Ademais, a poboación vinculada e as estimacións de poboación equivalente, incluíndo o peso dos camiñantes, soe amosar unha pegada efectiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *