Turismo de Galicia promove unha campaña para sensibilizar aos peregrinos sobre a seguridade viaria no Camiño de Santiago

Turismo de Galicia presentou a campaña Peregrina seguro coa que se pretende promover a mellora da seguridade viaria no Camiño de Santiago durante este verán, na época de maior afluencia de peregrinos. Con este obxectivo, ao longo das próximas semanas distribuiranse folletos que ofrecen consellos en diferentes idiomas para axudar a previr posibles accidentes.

Coa participación da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS) e a delegación en Galicia da Asociación Stop Accidentes, o folleto afonda nunha das liñas estratéxicas do Plan director do Camiño de Santiago, ao redor do cal se teñen desenvolvidas numerosas iniciativas ata o momento. Peregrina seguro pon o foco nos peregrinos a pé e en bicicleta, as dúas fórmulas preferidas para percorrer a ruta xacobea. Aínda que a primeira é a opción máis elixida, o ano pasado decantáronse pola bicicleta preto de 25.500 peregrinos.

Dado o carácter internacional do Camiño de Santiago, as recomendacións do folleto danse en galego, castelán, inglés, francés, italiano e alemán, de xeito que quedan recollidas as principais linguas faladas nel. Entre outras medidas, aconséllase usar prendas claras ou reflectoras, dado que é moi importante que o peregrino vexa pero tamén que sexa visto polos condutores. Incídese, ademais, na necesidade de mirar antes de cruzar unha estrada e non deterse nela ou se lembra que se debe camiñar contra o sentido da circulación.

No caso dos ciclistas, sinálase a relevancia de utilizar sempre o casco; circular en grupos de dous en tramos de boa visibilidade; achegarse o máis posible ao borde dereito da estrada e usar a beiravía, ou poñer a maior atención nas curvas e nos cambios de rasante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *