Un estudante estadounidense convértese no peregrino 300.000 deste ano 2017

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou no acto da entrega da compostela 300.000 a un rapaz estadounidense. O presidente da Xunta, que estivo acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e polo Arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, fixo fincapé en que nunca antes se chegara á cifra de 300.000 peregrinos en Galicia nun mesmo ano. E expresou o seu convencemento de que se se aproveita a experiencia destes anos pode que as 400.000 compostelas anuais sexa unha realidade nun futuro.

Para o titular do Goberno galego, o Camiño é unha ruta que mira cara ao futuro, pero que afunde con forza as súas raíces no pasado. Así, apuntou que se hoxe estamos neste punto é porque houbo persoas que creron, a finais do século XX, que o Camiño de Santiago podía triunfar no novo milenio.

Con respecto a isto, Feijóo apuntou ao ano 1993 como punto de inflexión grazas ao compromiso da Xunta que foi asumido por toda Galicia e polas diferentes institucións públicas. Segundo engadiu, foi un ano no cal se fixo historia grazas á celebración do primeiro gran Xacobeo e á declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade.

Por outra banda, o titular do Goberno galego apuntou que son tres os principais desafíos que a Xunta ten no horizonte respecto ao Camiño: avanzar na posta a punto das rutas, mellorar a promoción e preparar tamén o Xacobeo 2021 a nivel organizativo coa próxima posta en marcha da Comisión Interdepartamental.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *