A oficina principal de Correos en Santiago de Compostela estreou un novo cuño especial dedicado ao ano xacobeo que levará a imaxe da Porta Santa da catedral para todos os envíos que saian deste centro postal. Ademais, permitirá selar as credenciais dos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, segundo informa Correos nunha nota de prensa.
A ilustración deste cuño especial, que estará en uso ata o próximo 31 de decembro de 2022, é a parte exterior da Porta Santa, cuxa apertura deu inicio ao Xacobeo o pasado 31 de decembro e que permanecerá aberta ata o 31 de decembro de 2022.
Correos sinala que coa celebración do “Xacobeo especial” de dous anos 2021-2022 poñerá en marcha unha serie de iniciativas vinculadas, entre elas a edición de produtos filatélicos específicos e a mellora do seu servizos de transporte de mochilas de camiñantes. Así, ofrecerá a reserva e pago por internet en nove idiomas e un servizo de trazabilidade co que avisará aos peregrinos da recollida e entrega diaria.
Tamén continuará coa súa campaña ” CaminoSostenible”, en colaboración con Asociacións de Amigos do Camiño e albergues, para promover un percorrido máis sustentable, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable ( ODS) das Nacións Unidas.
Fonte: Diario de Pontevedra
Imaxe: Arquidiocese de Santiago de Compostela