Unha delegación da Green Pilgrimage Interreg Europe visitará Galicia esta semana

Unha delegación de preto de trinta representantes da Green Pilgrimage Interreg Europe, a rede europea de cidades e lugares sagrados de peregrinación que fomenta a sustentabilidade turística, visitará Galicia do 18 ao 20 de abril de 2018, para coñecer o modelo de xestión sustentable que se leva a cabo no Camiño de Santiago.

O mércores, día 18 de abril, celebrarase unha xornada de estudo na que profesionais de Turismo de Galicia informarán sobre o traballo levado a cabo na Comunidade ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago, no que se inclúen medidas a prol da sustentabilidade social, económica e ambiental ao redor da ruta xacobea.

Tamén se contará coa participación de profesionais do sector turístico así como de membros da Igrexa para afondar na situación actual da iniciativa privada na ruta xacobea, a acollida ou mesmo a importancia do asociacionismo para a promoción e conservación das rutas.

Durante a súa estadía está previsto que coñezan sobre o terreo o Camiño de Santiago percorrendo algún dos seus tramos en territorio galego. Do mesmo xeito, coñecerán o modelo de xestión levado a cabo polo Xacobeo na Rede Pública de Albergues da Xunta de Galicia, coa visita ao albergue de Ribadiso, en Arzúa.

A delegación da Green Pilgrimage Interreg Europe está composta por profesionais de turismo e de diferentes ámbitos académicos integrados nesta rede internacional de países como Italia, Reino Unido, Suecia, Romanía ou Noruega. Entre outros, está prevista a presenza de representantes do Centro Nacional de Peregrinación de Noruega, do Instituto Nacional de Investigación de Turismo e Desenvolvemento de Romanía, da Rede Europea de Peregrinación Verde da Diocese de Canterbury.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *