Unha nova mouteira do Camiño irmanda á cidade italiana de Pistoia con Galicia

A Xunta de Galicia sinalizou o Camiño de Santiago na praza do Duomo en Pistoia (Italia) coa instalación dunha mouteira a 2505 quilómetros da capital galega, que irmanda a ambas cidades e reforza os lazos do Camiño de Santiago con esta histórica localidade. A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira presidiu o acto no que estivo acompañada polo alcalde de Pistoia, Alessandro Tomasi, o bispo de Pistoia, Fausto Tardelli, a prefecto da provincia de Pistoia, Emilia Zarrilli, e polo concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo de Santiago de Compostela, Gumersindo Ginarte.

Tras o descubrimento da mouteira, a comisaria participou nun encontro sobre o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021, que contou coas intervencións do profesor e presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño, Paolo Caucci Von Saucken, e da doutora e profesora, Lucia Gai, entre outros especialistas nas peregrinacións xacobeas.

Ademais de achegar ambos territorios, esta viaxe institucional permitiu abordar nunha reunión diversos asuntos como os preparativos de diversas accións de promoción do Camiño de Santiago en Pistoia, cidade que durante o vindeiro Ano Santo compostelán contará co privilexio papal de abrir unha Porta Santa. Cómpre lembrar que é a única cidade no mundo que conta desde o século XII cunha reliquia auténtica do Apóstolo Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *