Unha parella de brasileiros que percorreu o Camiño de Santiago en bicicleta convértese no peregrino 100.000 deste 2017

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2017

O peregrino número 100.000 deste ano 2017 no Camiño de Santiago foi recibido en Compostela, despois de rematar a súa andaina, polo Cabido da Catedral santiaguesa encabezado polo seu deán, Segundo Pérez, e polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, como representante de Turismo de Galicia.

Os camiñantes cos que a ruta xacobea acada esta simbólica cifra foron unha parella formada por Juliana Pivato e Eliezer Ribeiro Antunes Junior. Ambos os dous son brasileiros e realizaron a súa peregrinaxe en bicicleta a través do Camiño Francés desde Saint Jean Pied de Port. Tras recoller a súa compostela, foron recibidos no santuario do Apóstolo na misa vespertina do peregrino, na que foron felicitados e agasallados con varios recordos.

Coa súa chegada, que se produciu máis cedo que en anteriores ocasións, o Camiño de Santiago volve confirmar unha vez máis a súa vitalidade. A piques de rematar o primeiro semestre do ano, atópase preto dun 12% por riba da cifra acadada no mesmo período do 2016, ao final do cal a ruta xacobea bateu o seu récord absoluto de peregrinos con 277.854 compostelas entregadas na Oficina ao Peregrino, situada no novo Centro Internacional de Acollida ao Peregrino.

Catro continentes entre as primeiras nacionalidades
Nos seis primeiros meses de 2017, o 65% dos peregrinos chegados a Compostela foron estranxeiros, fronte ao 35% de españois, con países como Alemaña, Italia, Estados Unidos e Portugal moi destacados. Entre as quince nacionalidades máis presentes na ruta xacobea están representados catro dos cinco continentes con Francia, Irlanda, Reino Unido, Holanda e Polonia por parte de Europa; Brasil, Canadá e México desde América; Corea por parte de Asia e máis Australia. Isto afonda no proceso de internacionalización que vive o Camiño.

Aínda que o 60% dos camiñantes seguen a elixir o Camiño Francés como itinerario para achegarse a Compostela, adquiren máis relevancia outros como o Camiño Portugués, o do Norte e o Primitivo, ambos os dous declarados Patrimonio Mundial no 2015, a Vía da Prata, o Camiño Inglés e o Camiño Portugués pola Costa. A Xunta de Galicia traballa en todos eles con iniciativas de mellora na sinalización ou nas infraestruturas dispoñibles, entre outras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *