#UNPASOMÁS: fai o Camiño de Santiago polas nenas

Baixo o lema “Un paso máis pola igualdade das nenas”, o Camiño de Santiago únese ao movemento global Por Ser Nena para acabar coa desigualdade de xénero que afecta a millóns de nenas e promover un mundo mellor, onde as relacións de poder lles permitan aprender, liderar, decidir e prosperar.

Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Nena 2017, entra en vigor o acordo asinado por Plan International e a Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, que sitúa a defensa da igualdade das nenas como a causa social do Camiño de Santiago para os próximos 365 días.

A partir deste acordo, 70 albergues de peregrinos que a Xunta de Galicia ten situados no Camiño de Santiago convértense en puntos de información e sensibilización sobre a situación das nenas e mulleres novas no mundo.

Nos albergues ofreceráselles aos peregrinos un pasaporte polos dereitos das nenas para que o vaian selando en cada albergue. Un xesto simbólico que permite aos viaxeiros, con cada paso do camiño, ofrecer o seu apoio a varias causas fundamentais para o desenvolvemento das nenas, como a educación, a loita contra o matrimonio infantil, a loita contra a mutilación xenital feminina ou a protección contra a violencia física e sexual, entre outras.

Máis de 300.000 persoas ao ano percorren a ruta de peregrinación e, agora, poderán tamén tomar conciencia sobre os millóns de nenas e mulleres novas que ven negado o seu dereito á educación, a participar activa e equitativamente na sociedade, a tomar decisións importantes sobre o seu futuro, e a estar protexidas de violencia.

Podes compartir esta iniciativa en redes sociais usando o hashtag #UnPasoMás para animar a máis persoas a que se sumen ao movemento pola igualdade.

+INFO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *