Visita a Bélxica e o Parlamento Europeo de Asociacións galegas de Amigos do Camiño de Santiago

Vinte e catro representantes de doce asociacións xacobeas de Galicia participarán en Bélxica nunha serie de actos conmemorativos dos trinta anos da declaración do Camiño de Santiago como o primeiro Itinerario Cultural Europeo, que se cumprirán no vindeiro mes de outubro. A viaxe iniciarase o luns, día 8, e rematará o xoves, 11. A estancia en terras belgas, en cuxa organización colabora Turismo de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, responde a unha invitación expresa ás entidades asociativas galegas da ruta xacobea por parte do Intergrupo Turismo e Patrimonio Cultural: o Camiño de Santiago de outros itinerarios culturais do Parlamento Europeo.

Os directivos e membros das asociacións participantes, representativas das distintas rutas do Camiño en Galicia, chegarán a Bruxelas o día 8 á mediodía, desde onde se desprazarán á cidade de Namur, cunha gran historia xacobea xurdida no medievo e que se prolonga no presente. Nesta urbe participarán, entre outros actos, nunha primeira cerimonia conmemorativa dos 30 anos de declaración en 1987, polo Consello de Europa, do Camiño de Santiago como o itinerario cultural europeo fundacional. Celebrarase no Palacio Provincial e no mesmo as autoridades da provincia de Namur, encabezadas polo director da Federación de Turismo, François Malacord, presentarán unha carta de adhesión a rede europea de rutas a Santiago de Compostela. Tamén descubrirán unha placa conmemorativa, presentarán un selo xacobeo e anunciarán as liñas estratéxicas do plan para o desenvolvemento socio-cultural do Camiño nesta provincia belga.

Durante toda a estancia, acompañarán ás asociacións galegas representantes públicos da cidade de Namur e das asociacións xacobeas belgas, así como o eurodeputado e copresidente do devandito Intergrupo de Turismo e Patrimonio, o galego Francisco Millán Mon, e o director-xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.
A xornada do día 9 dedicarase a visitar as cidades de Bruxas e Gante, tamén, como Namur, con gran tradición xacobea. Entre outras actividades, nelas coñecerán o patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago.

Na mañá do día 10 a representación galega visitará o Parlamento Europeo, onde participará nun acto con representantes do Intergrupo Turismo e Patrimonio Cultural: Camiño de Santiago, encabezado polo seu co-presidente, Francisco Millán Mon. Tamén se realizará unha visita á Fundación Galicia Europa, onde representantes de organismos europeos informarán sobre as posibilidades existentes para participar en proxectos de desenvolvemento de itinerarios culturais.

O Camiño na nova reconstrución europea

A última actividade programada celebrarase pola tarde, desde as 19,00 h., na sede do Instituto Cervantes de Bruxelas. Consistirá nunha mesa redonda organizada polo devandito Instituto e titulada Reconstruir Europa a través del Camino de Santiago.

Partindo da coñecida frase do escritor alemán Goethe (1749-1832), “Europa naceu na peregrinación”, a mesa redonda, formada por representantes de varias asociacións xacobeas continentais, debaterá “sobre como a peregrinación a Santiago pode contribuír no contexto actual a reconstruír un proxecto común europeo fundado na tolerancia, o respecto, a liberdade e a solidariedade”.

Na mesa, moderada polo xornalista lucense Xosé María García Palmeiro, que participa na viaxe como presidente da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), participarán Pascal Duchene, presidente da Asociación de Amigos de Santiago de Compostela de Bélgica; Luc de Bolle, presidente da Asociación Flamenca de Amigos de Santiago; Monique Wlrave, directiva da Asociación Holandesa de Amigos de Santiago; e Begoña Valdomar, vicepresidenta da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS). Presentarán previamente o acto Felipe Santos, director do Instituto Cervantes, e Rafael Sánchez, director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Ao remate da mesa redonda, o Centro Galego de Bruxelas presentará o Festival Compostela, unha serie de actividades culturais, con Galicia e o Camiño como motivo, que se celebrarán na capital belga os vindeiros días 3 e 4 de xuño.

A delegación galega volverá a Santiago o xoves, día 11.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *