‘Vive o Camiño’ ofrecerá este verán máis de 40 actividades nos concellos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa

O programa de artes escénicas Vive o Camiño ofrecerá durante este verán máis de 40 actividades de balde e dirixidas a todos os públicos, que se celebrarán nos concellos galegos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa. Desde finais deste mes de xuño e ata o vindeiro mes de setembro, esta iniciativa de promoción e dinamización dos itinerarios xacobeos encherá de música e teatro numerosas rúas e prazas das provincias de Pontevedra e A Coruña.

Esta iniciativa inclúese dentro das actividades programadas no ano do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa. Ambos son os itinerarios aos que a Xunta de Galicia dedica en 2018 os seus esforzos, como parte do cronograma do Plan director do Camiño.

En total programaranse 44 actividades de balde, entre contacontos e actuacións musicais, a cargo de diferentes artistas con traxectorias recoñecidas e cunha ampla experiencia no mundo das artes escénicas e a música. Estas accións irán acompañadas dunha exposición informativa tanto do Camiño Portugués como do Camiño Portugués da Costa.

A primeira parada de Vive o Camiño será o vindeiro luns 25 de xuño no concello pontevedrés de A Guarda e a última o 14 de setembro no municipio coruñés de Ames. A oferta distribuirase por O Rosal, Oia, O Porriño, Nigrán, Pontevedra, Baiona, Mos, Valga, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Barro, Caldas de Reis, Tui, Portas, Pontecesures, Padrón, Rois, Dodro e Teo.

A programación inclúe a particular proposta de contos e historias das árbores do Camiño Portugués que concienciará da importancia de protexer o patrimonio forestal da ruta xacobea, a cargo de Anxo Moure. Un espectáculo que estará acompañado nalgunhas localidades pola animación da música en directo de Servando Barreiro. A proposta O Camiño que camiña con nós, de Celso Fernández Sanmartín, Celsiño, completará a oferta de contacontos desta edición.

Durante Vive o Camiño se presentará o novo espectáculo de Magín Blanco. Trátase de Camiños, no que mestura cancións, contos, poemas e textos de destacados escritores galegos. Tamén se poderá gozar da participación dunha das novas voces do panorama actual da música galega, MJ Pérez, con Sigo facendo camiño, onde fusiona diversos estilos musicais co predominio do pop-rock.

Completarán a oferta a cantante Silvia Penide, co seu espectáculo Feminino Plural e Najla Shami, con Camiños de culturas, que estará acompañada por guitarrista e, nalgúns casos por percusión, para facer orixinais mesturas entre música galega e outras de sons africanos, brasileiros e mesmo co jazz.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *