VIVE O CAMIÑO. Teatro, humor e música no Camiño de Santiago.

Este programa cultural servirá nos dous próximos meses como vehículo de transmisión dos valores xacobeos, tanto entre as persoas que están a realizar a ruta como a poboación galega. As funcións e concertos, con entrada de balde, de Vive o Camiño servirán para pór en valor o Camiño Inglés, unha ruta que no que vai de ano foi xa percorrida por 7.600 persoas, o que a converte na quinta máis elixida, e o Camiño de Fisterra-Muxía.

A programación de Vive o Camiño, iniciativa de promoción e dinamización do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía encherá de música e teatro as rúas e prazas dos 27 concellos que forman parte destes itinerarios xacobeos na provincia da Coruña . Vive o Camiño espallará o espírito dos Camiños a través das artes escénicas e a música nos meses de agosto e setembro .

As actividades irán acompañadas dunha exposición itinerante que dará a coñecer estas dúas rutas.

Dous no Camiño é un espectáculo interpretado por Fran Rei e Isabel Risco, coa dirección de Avelino González e o texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala. Nel atopamos a dous peregrinos camiñando e descubrindo as paraxes do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra-Muxía, ao seu paso por cada unha das vilas. Ademais, e na mesma liña de Dous no Camiño, Fran Rei e Isabel Risco levarán a cabo unha animación, de creación e dirección propia, tanto nos concellos como nas contornas dalgúns albergues, onde interactuarán coa cidadanía e as persoas que peregrinan en cada posta en escena. Nesta animación, Atanasio e Teodoro, os dous discípulos de Santiago que levaron polo mar os seus restos ata Galicia, atópanse perdidos despois dunha viaxe no tempo de moitos séculos. As modernidades que ven sorpréndenlles, pero ao mesmo tempo van descubrindo que o esencial do Camiño de Santiago, a natureza, as paisaxes e os monumentos, non mudaron.

 

O encargado de poñer a nota musical na programación será o grupo Caxade, un proxecto persoal de Alonso Caxade ao redor do folk-pop.

 

Consulta aquí a programación do Camiño Inglés!

Consulta aquí a programación do Camiño Fisterra-Muxía!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *