Xunta e Estado despregan un dispositivo especial de seguridade no Camiño durante a Semana Santa

Este reforzo inscríbese no marco do convenio de colaboración subscrito entre o Ministerio do Interior e Turismo de Galicia, no que se inclúe tamén outro operativo especial para o verán.

A Policía Autonómica ten despregado un total de 16 patrullas ao longo de seis rutas (Camiño Francés, Portugués, Inglés, Fisterra-Muxía, Norte e Primitivo, e Vía da Prata). O seu labor de vixilancia fará especial fincapé, en colaboración con Patrimonio, no control de negocios ilegais. Este reforzo complementa o labor de protección que a Policía Autonómica desenvolve no Camiño ao longo de todo o ano.

Pola súa banda, a Delegación de Goberno reforza o seu operativo de seguridade con motoristas da Garda Civil de Tráfico, do Seprona, cinco cabalos do escuadrón de cabalería da Garda Civil, e un xendarme francés que realizará patrullas mixtas e labores de seguridade cidadá.

Ademais, e tamén no marco do convenio entre Interior e a Axencia de Turismo, repartirase un ano máis material reflector aos peregrinos, como medida de prevención e concienciación. Este material estará dispoñible nos albergues de inicio de Camiño no Cebreiro, A Gudiña, Verín, Tui, Ribadeo, Padrón, A Fonsagrada e Sarria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *