Pasaporte Gastronómico do Camiño

Desde as Comunidades Autónomas de Aragón, Asturias, Castela e León, Cantabria, Galicia, A Rioxa e Navarra poñemos en marcha unha iniciativa conxunta para o Ano Santo 2021-22: a creación dun pasaporte gastronómico que ofrecerá a posibilidade de consumir en establecementos de restauración, cuxa proposta estea baseada na gastronomía e os produtos autóctonos da zona, vinculados historicamente á tradición peregrina. Ademais, poderán elaborar e ofrecer, se o desexan, un “Menú xacobeo”. Tamén terán cabida nesta proposta aqueles comercios ou puntos de venda de produtos agroalimentarios tradicionais e de produtos artesáns.

Por iso, propoñemos aos empresarios de ambos os sectores participar nesta promoción, que lles dará visibilidade e favorecerá o consumo. Para formar parte do programa simplemente debe encherse este formulario e aceptar o que se propón.

O ámbito de localización dos servizos turísticos será os Camiños recoñecidos polo Consello Xacobeo de España; no caso de Galicia: o Francés, o do Norte e o Primitivo.

Tras a inscrición e comprobación de que é un servizo turístico regulado, enviaráselles a información de cando se inicia o funcionamento do pasaporte, tamén se lles mandará un vinilo ou un adhesivo que deberán incorporar na entrada do establecemento para a súa identificación. Así mesmo, cando un usuario que consuma ou compre no seu local lles presente o devandito pasaporte, deberán poñerlle un selo do establecemento e a data na casa correspondente. As empresas participantes serán promovidas nas páxinas web de turismo da Comunidades Autónomas participantes.