A Xunta de Galicia fará obras de conservación no Colexio do Cardeal, en Monforte de Lemos

A Xunta de Galicia vén de licitar as obras de conservación na igrexa, claustro e áreas de visita pública no Colexio do Cardeal para solucionar as afeccións que sufre o inmoble, entre elas solucionar as gretas provocadas na igrexa polo célebre terremoto de Lisboa de 1755, que aínda que non comprometen á estabilidade das bóvedas é preciso corrixir. As actuacións estenderanse por un prazo máximo de seis meses e resolverán os principais problemas de conservación deste monumento que está en proceso de ser declarado ben de interese cultural.

Esta obra forma parte dunha liña de traballo da Xunta de Galicia con vistas a reforzar a Candidatura da Paisaxe cultural da Ribeira Sacra a Patrimonio Universal, a un ano vista da súa presentación, estudo e debate no seo da 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO.

A construción do Colexio da Nosa Señora da Antiga comezouse a finais do século XVI por iniciativa do cardeal de Sevilla don Rodrigo de Castro, para que, rexentado pola Compañía de Xesús, servira para a educación da comarca e de toda Galicia. Os biógrafos do Cardeal descríbeno como un humanista refinado, amante da arte e mecenas da cultura que nun momento da súa madurez decide crear unha institución filantrópica na cidade da súa infancia, Monforte, e doarlle a súa colección de obras de arte e biblioteca.

O Colexio de Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido, entre outras denominacións, como Colexio do Cardeal ou Colexio da Compañía é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. O inmoble amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súas adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.

Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, debe citarse a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros. Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga, no que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *