A Xunta de Galicia restaurará a igrexa de San Martiño de Lousada en Samos

O obxecto da intervención é acometer os traballos precisos para resolver as deficiencias detectadas no templo. Para isto consolidaranse as fábricas, tanto de muros como de arcos, devolvendo a correcta funcionalidade estrutural; executarase unha nova cuberta, conservando a tipoloxía estrutural e os materiais autóctonos, así como unha drenaxe tanto perimetral como no interior do edificio, illando o pavimento do interior das humidades do terreo. Así mesmo, está previsto efectuar unha revocadura con morteiro de cal das paredes, tanto no interior como no exterior; acometer unha nova instalación eléctrica e de iluminación; levar a cabo a restauración do campanario e os sinos, e, finalmente, acondicionar o acceso a través do adro.

Para poder desenvolver estes traballos, o Goberno galego asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Lugo para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa a igrexa de San Martiño, no seo do Camiño Francés.

Primeiro románico provincial

Esta igrexa é un edificio de orixe románica de volume sinxelo e ornamentación austera. Posúe unha ábsida cadrada e unha nave principal rectangular á que se acaroa unha nave lateral ao norte, separada por dous arcos de medio punto. Entre o altar maior e a nave principal hai un arco tamén de medio punto. Ao norte da ábsida sitúase unha sancristía. A cuberta do presbiterio era a catro augas, máis alta que a da nave principal a dúas augas, configurada co sistema de par e fileira en madeira e con lousa como acabado exterior.

Fronte á fachada principal existe un cabido a dúas augas a través do que se chega á portada principal realizada en cantería de granito e arco de medio punto superior. Outra porta máis sinxela dá acceso á nave lateral. Os muros e os tres arcos interiores están realizados en cachotaría de lousa cubertos de revocadura de cal. O campanario de dobre arco elévase sobre a portada da fachada principal. O pavimento interior é de grandes lousas negras de calidade. No interior consérvase unha pía bautismal de granito, con conca e pilastra, así como restos de pinturas murais de carácter popular nos arcos.

Fotografía: El Progreso

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *