A Xunta de Galicia restaurará a Torre do Castro, en Sandiás, na Vía da Prata

A Xunta de Galicia vén de adxudicar a restauración da Torre do Castro, en Sandiás, na Vía da Prata a Santiago de Compostela. Trátase dunha intervención que permitirá poñer en valor este elemento declarado Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, que forma parte da rede defensiva da Limia xunto coa Torre da Pena, en Xinzo de Limia, a Torre de Ceme, en Rairoz de Veiga, e a Torre da Fírbeda ou da Forxa, que tamén será restaurada proximamente.

Os traballos que se porán en marcha, e que contan cun prazo de execución previsto de tres meses, teñen como finalidade avaliar as posibles deficiencias, corrixir as patoloxías existentes e mellorar o estado de conservación deste importante elemento do patrimonio histórico da nosa Comunidade. Concretamente, centraranse na situación actual da cuberta onde é preciso intervir co obxectivo de que este ben poida ser empregado como recurso para o desenvolvemento sostible a promoción socio cultural, laboral e económica da zona.

Deste xeito, logo de avaliar as deficiencias e considerar as patoloxías existentes, limparase o interior da torre e o terreo colindante e eliminarase a vexetación dos muros e da cuberta da torre aplicando un tratamento herbicida. A continuación, está previsto actuar sobre a cantería facendo un rexuntado, selando as gretas e estabilizando a cimentación histórica. Os traballos completaranse coa reparación da luz existente e coa recuperación da escaleira interior, un elemento de gran interese que da acceso á cuberta.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *