A Xunta de Galicia restaurará o Santuario de Nosa Señora das Angustias en Ferrol

A Xunta de Galicia levará a cabo as obras de restauración de paramentos verticais no santuario de Nosa Señora das Angustias para resolver os problemas de humidades que afectan ao inmoble. A tal fin, no día de hoxe sácase a contratación unha intervención na sede da Confraría das Angustias e importante espazo eclesiástico na celebración da Semana Santa ferrolá, declarada de Interese Turístico Internacional.

O Santuario de Nosa Señora das Angustias foi construído pola confraría homónima a finais do século XVIII e é un ben catalogado incluído no planeamento de Ferrol. O inmoble e a súa contorna inmediata tamén se atopan no ámbito de protección do Camiño Inglés. No seu interior alberga unha talla que é obxecto de veneración a Virxe das Angustias, que porta ao fillo en brazos.

Trátase dunha edificación caracterizada polas súa sobriedade e liñas simples. Ten unha planta rectangular de gran profundidade, cunha capela maior estreita que posúe un retablo detrás do cal se atopa a sancristía, á que se accede por dúas portas. Conta cun largo espazo dividido en tres tramos de diferente anchura e lonxitude. As cubertas teñen bóvedas con lunetos baixo os que se abren óculos de iluminación.

O tramo de entrada, de maior amplitude, está destacado en planta; o segundo é algo menor e lixeiramente máis estreito; finalmente, o terceiro, de transición á capela maior, experimenta un suave estreitamento inferior que, non obstante, non afecta en modo algún a recta continuidade do muro perimetral.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *