A Xunta licita o primeiro albergue público do Camiño de Inverno coa rehabilitación do Pazo Bispal de Diomondi

A Xunta de Galicia vén de publicar a licitación para rehabilitar o Pazo Bispal de Diomondi, no concello do Saviñao, que se converterá no primeiro albergue de xestión autonómica situado no Camiño de Inverno. Esta actuación, que se enmarca no Plan de Albergues, inclúe unha achega de máis dun millón de euros para facelo mellorando a eficiencia enerxética e readaptando a distribución do inmoble ás necesidades dos peregrinos que percorren esta Ruta Xacobea.

Concretamente, as actuacións inclúen a apertura de novos ocos para a iluminación natural, a reparación de gretas nos muros, a reconstrución de muros exteriores e a conservación das envolventes e edificacións anexas. Ademais, renovarase a estrutura, os pavimentos de madeira, os forxados, as mamposterias e as carpinterías.

Ao remate deste proceso o Pazo Bispal de Diomondi quedará distribuído en dous andares con catro dormitorios. Dous estarán na planta baixa, onde tamén se habilitará unha zona de recepción e de atención ao peregrino, un salón de usos múltiples e aseos. Os dous restantes estarán na planta alta xunto cunha zona de aseos, unha cociña, un cuarto de limpeza e unha sala de lecer. En total, este novo albergue ofrecerá un máximo de 33 prazas, unha das cales estará reservada para peregrinos con mobilidade reducida.

 

 

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *