A Xunta pon en marcha unha plataforma online para reservar praza nos albergues públicos do Camiño de Santiago

A Xunta de Galicia pon en marcha alberguesxacobeo.gal, unha plataforma online para reservar praza nos albergues públicos do Camiño de Santiago, ofrecendo así maiores garantías aos peregrinos no actual contexto sanitario. A través dela os usuarios teñen acceso a un buscador con todos os establecementos da rede pública mediante o cal poden efectuar a súa reserva e no que tamén é posible localizar os albergues en función da ruta na que estean situados.

O sistema facilitará as reservas desde o día anterior ata as 13,00 horas do día de pernoita, o que convivirá coa posibilidade de obter praza ao chegar ao establecemento sempre que este dispoña de capacidade, facendo así compatible este sistema co espírito máis tradicional de acollida xacobea. Ademais, a través desta plataforma é posible realizar reservas para grupos de ata cinco persoas. Non é preciso rexistrarse, aínda que esta aberta esta opción para axilizar o proceso.

Para reservar a súa praza, os usuarios deben completar o seu nome, correo electrónico, data da reserva e, de xeito opcional, un teléfono de contacto. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Xunta enmarcada no programa Camiño Seguro para facilitar a peregrinación na etapa poscovid-19 cunha maior certeza e seguridade.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *