Inauguradas as novas instalacións do albergue de peregrinos de Pontevedra

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, inaugurou as novas instalacións do albergue de peregrinos da cidade, unha actuación coa que a Xunta de Galicia dá resposta ás necesidades expresadas pola Asociación de Amigos do Camiño Portugués, que desde hai dúas décadas atende este establecemento da Rede Pública de Albergues, que gaña agora 20 novas prazas, o que supón un incremento do 27% na súa capacidade aloxativa.

O conselleiro en funcións realizou este balance durante a inauguración das novas instalacións do albergue de Pontevedra no que a Xunta realizou un investimento próximo aos 200.000 euros. O proxecto inclúe a construción dun novo pavillón intependente no que se habilitaron dez liteiras en pranta baixa que supoñen 20 prazas máis.

Tamén se creou unha sala multiusos na planta baixocuberta e, aproveitando os traballos, foi acondicionado o xardín de camelias para aumentar os espazos de descanso dos peregrinos e se mellorou e dotou de sistema de rego automático. Adicionalmente, contarase cun sistema de illamento térmico para afondar na sustentabilidade do Camiño de Santiago.

Esta ampliación enmárcase no Plan de Albergues posto en marcha pola Xunta de Galicia na antesala do Xacobeo 2021 co que está a acometer diferentes actuacións de mantemento e mellora nos albergues públicos para dar resposta ás novas demandas.

Con estas actuacións, o albergue de peregrinos de Pontevedra pasa de contar con 72 prazas a 92, converténdose así no de maior capacidade do Camiño Portugués, una ruta onde a Rede Pública de Albergues conta con dez aloxamentos públicos que manteñen viva a tradición da hospitalidade xacobea.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *