O Camiño de Santiago e o Kumano Kodo abren a celebración dos seus 20 anos de amizade

O Camiño de Santiago e o camiño de Kumano Kodo de Xapón abriron en Fitur a conmemoración dos seus 20 anos de amizade. Ambas rutas de peregrinación, dúas das máis importantes do mundo e protexidas pola Unesco, irmandáronse en 1998, comezando unha intensa relación que contribuíu a incrementar os lazos entre o país nipón e Galicia.

Os directores de Turismo de Galicia e da prefectura de Wakayama, Nava Castro e Nobuko Goto, reuníronse no expositor da Comunidade galega na 38ª edición da feira Fitur, en Madrid, onde subliñaron os valores comúns que ambos camiños de peregrinación comparten a pesar de ter xurdido en territorios a miles de quilómetros de distancia e cunha raíz relixiosa diferente.

Na súa presentación, repasaron algúns dos paralelismos destes itinerarios da prefectura de Wakayama e Galicia, “o país do sol nacente, no afastado Oriente, e o lugar sinalado durante séculos como o fin do mundo”, no extremo occidental onde se poñía o sol. Ambas rutas contan con símbolos que guían aos peregrinos, dispoñen dunha vestimenta tradicional, están rodeadas de natureza e posúen sobranceiras mostras do patrimonio cultural.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *