A Xunta anuncia a licitación do retablo maior da igrexa de Santiago Apóstol de Padrón

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, anunciou a licitación das obras do retablo maior da igrexa de Santiago Apóstolo que contarán cun orzamento de preto de 100.000 euros. A representante do Goberno autonómico visitou o templo para informar do inicio do expediente de contratación para acometer esta actuación o antes posible e informou que o prazo de execución das obras é de 6 meses.

Segundo explicou a representante autonómica, o proxecto contempla unha intervención integral que abranguerá todos os elementos do retablo, desde o seu soporte estrutural ata os estratos policromos, coa finalidade de asegurar a súa estabilidade, recuperar o seu aspecto orixinal e preservar a autenticidade do conxunto.

Entre as actuacións previstas inclúense a redacción dun proxecto de restauración específico, a limpeza superficial e eliminación de elementos alleos, a desinsectización curativo-preventiva, a fixación dos estratos polícromos, a revisión estrutural dos volumes, así como o reaxuste das carpinterías e o reforzo das ancoraxes, incidindo especialmente no mesado do altar que acolle o “Pedrón”, elemento de grande valor simbólico.

Tamén se levarán a cabo tratamentos dos elementos metálicos, consolidación dos soportes, reintegracións volumétricas e cromáticas, eliminación de repintes, limpeza de policromías e vernices oxidados, e finalmente, a aplicación dunha capa de protección final, xunto coa redacción da memoria técnica da intervención.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *