A Axencia de Turismo de Galicia convoca os Premios do Camiño de Santiago para o ano 2018. Trátase dun recoñecemento institucional e social ás iniciativas públicas e privadas destinadas a conservar, mellorar e embelecer a contorna das distintas rutas do Camiño de Santiago, así como aquelas outras que supoñan novos servizos ou a innovación e mellora daqueles que se prestan aos peregrinos e as accións específicas de divulgación e promoción, de xeito que se contribúa a un aumento da conservación, difusión e a posta en valor do Camiño de Santiago e da cultura xacobea.
Os premios do Camiño de Santiago constan de catro categorías:
1ª categoría: destinada a distinguir as actuacións realizadas polos concellos, as agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e as áreas metropolitanas, se as houber, todos eles da Comunidade Autónoma de Galicia e polos que discorra calquera das rutas do Camiño de Santiago oficialmente declaradas.
2ª categoría: destinada as actuacións realizadas polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago.
3ª categoría: destinada a distinguir as actividades desenvolvidas polas persoas físicas ou as persoas xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que estean comprendidos na definición de pequena e mediana empresa (peme).
4ª categoría: destinada a distinguir as iniciativas ou as actividades de carácter académico, investigador ou educativos, con dúas modalidades:
a) Os traballos de investigación e estudo do Camiño de Santiago e da peregrinación e/ou cultura xacobea, e/ou do patrimonio cultural ligado ao Camiño de Santiago.
b) Os traballos de carácter educativo relacionados coa temática do Camiño de Santiago levados a cabo polos centros de ensinanza de educación non universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
O prazo de presentación de candidaturas será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.


