A exposición ‘Próxima Parada’ réndelles homenaxe ás mulleres peregrinas

Próxima Parada. As peregrinas toman a cidade, é unha exposición viva na que as esculturas de peregrinas de Álvaro de la Vega toman os escaparates de 12 establecementos do casco histórico de Santiago de Compostela.

Durante moitos anos, cando se falaba do Camiño mostrábanse sempre imaxes de peregrinos –en masculino-, ataviados coas súas mochilas, suorentos e coas botas pisando forte. Con estas imaxes queríase representar unha experiencia difícil na que era necesaria a forza para chegar a Santiago. A pesar desta idea, á que nos fomos afacendo, ao longo da historia existiron mulleres ilustres e anónimas que cargaron a mochila ao ombreiro e emprenderon o camiño a Compostela.

Con esta mostra, a través das once esculturas policromadas realizadas en madeira polo artista Álvaro de la Vega, rendéselle homenaxe a todas as peregrinas que chegan cada día a esta cidade. E, asemade, a todas as mulleres sexan protagonistas porque cada día percorren o seu propio camiño, con etapas máis difíciles e outras máis doadas, na procura dun destino, cargadas co peso de todo o vivido… Por iso, estas peregrinas levan ás costas un bebé, unha cadeira, un paraugas ou unhas ás, metáforas todas elas que Álvaro de la Vega utilizou para exemplificar a vida de calquera peregrina, de calquera muller.

Pero, ademais, esta exposición ten premio para todos aqueles interesados en visitala. Entrando en calquera dos comercios incluídos obterase un mapa ilustrado da zona monumental de Compostela e un pasaporte que haberá que presentar na Libraría Couceiro para participar nun sorteo final dunha das esculturas unha vez conseguido o selo de nove dos comercios. O sorteo final será o vindeiro 15 de outubro ás 12,00 horas na dita libraría. Unha vez finalizado, a mostra pasará ao Museo das Peregrinacións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, onde permanecerá durante un mes.

A listaxe completa de locais participantes pode consultarse na propia web da exposición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *