Exposición “O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra”

Esta exposición asoma, a través de 120 fotografías do século XIX ao XXI, ás realidades, paisaxes e patrimonio da Ruta Xacobea que une as cidades do Porto e Santiago de Compostela. O proxecto propón un diálogo entre a fotografía do pasado e a do presente, ao tempo que brinda a oportunidade de reflexionar sobre o que permanece inmutable e o que se transforma, construíndo unha memoria colectiva do Camiño.

Na mostra poden verse fotografías históricas do barrio do Berbés, a rúa do Príncipe ou García Barbón, tiradas no primeiro terzo do século XX pola Casa Loty, Jaime Pacheco ou o fotógrafo alemán Otto Wunderlich, quen retratou como ninguén a vida, xentes e paisaxes da España dos anos 20. A eles súmanse olladas contemporáneas desde a bisbarra viguesa, como as que nos achegan Carla Andrade, Eva Díez, Roberto de la Torre, Keila Pousa, Verónica Vicente ou Blas González.

Comisariada por Lucía Laín, a mostra chega á cidade de Vigo tras ser visitada por máis de 21.000 persoas na Cidade da Cultura de Galicia, onde pechou as súas portas o pasado mes de abril. Poderá verse no Museo do Mar, con entrada de balde, ata o 4 de setembro e a continuación viaxará á vila de Tui, outro dos lugares que protagonizan o propio percorrido en imaxes da exposición.

Espazo: Museo do Mar de Vigo

Datas: do 20 de maio ao 4 de setembro de 2022

Organiza: Xunta de Galicia

Máis información

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará