Turismo de Galicia inaugurou en Málaga a exposición Acollida e Hospitalidade no Camiño de Santiago, dentro do programa Invierno Jacobeo que organiza a Asociación de Amigos del Camino de Málaga.
A mostra, a través dunha selecta colección de fotografías de Manuel G. Vicente, constitúe unha homenaxe a todos os hospitaleiros voluntarios que conforman unha pedra angular para as rutas xacobeas.
As imaxes, sacadas nas últimas décadas, dende finais dos 90 ata hoxe, amosan a importante función que desempeñan os hospitaleiros voluntarios en diferentes albergues e puntos do Camiño de Santiago.
Así, a través das fotografías, pódese afondar neste labor desinteresado que realizan día a día as asociacións de amigos do Camiño e os hospitaleiros voluntarios en todo o mundo, enchendo a ruta xacobea dunha esencia de fraternidade e solidariedade e difundindo os contidos culturais e espirituais do Camiño.
A mostra poderá visitarse no Ateneo de Málaga ata o 31 de xaneiro de 2017.