Turismo de Galicia presenta o número VII da revista AD LIMINA

Día: 3 de febreiro
Hora: 19:30 h.
Lugar: Museo das Peregrinacións e de Santiago (Praza das Praterías, Santiago de Compostela)

O número VII de Ad Limina, revista de investigación sobre o Camiño de Santiago e o mundo das peregrinacións, publicada por Turismo de Galicia e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, presentarase o próximo venres, 3 de febreiro, ás 19,30 h. no Museo das Peregrinacións e de Santiago.

O número VII de Ad Limina, correspondente ao ano 2016, foi coordinado polo profesor Manuel Castiñeiras, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, e nel colaboran varios dos seus membros, como Simon Barton, Robert Plötz, Adeline Rucquoi e o propio Manuel Castiñeiras, con recensións sobre algunhas novidades bibliográficas referidas ao Camiño de Santiago.

A parte máis relevante do número VII de Ad Limina corresponde, non obstante, aos artigos orixinais asinados por diversos investigadores que enviaron os seus traballos desde Galicia, Cataluña, Bari (Italia) e Edimburgo (Reino Unido).

Deste xeito, Ad Limina VII componse de nove recensións bibliográficas e cinco artigos, entre os que destacan os traballos orixinais de Victoriano Nodar Fernández (Universidade de Santiago de Compostela), “Unha posible representación do apóstolo Santiago nun capitel da catedral de Santiago de Compostela á luz dos sermóns do Liber Sancti Iacobi”; Juan Antonio Olañeta Molina (Universitat de Barcelona), “Modelos, programas e interpretación da representación de Daniel na foxa dos leóns como imaxe alegórica de Cristo Triunfante nalgúns fitos da ruta xacobea”; Rosanna Bianco (Università degli Studi di Bari), “Apulia no Camiño de Santiago. Culto e iconografía de Santiago de Compostela en Apulia”; Marta Ameijeiras Barros (The University of Edinburgh), “Trazando o culto a Santiago o Maior en Inglaterra durante a Idade Media: desde a segunda metade do século XI ata mediados do século XIV”; e Miriam Elena Cortés López (Universidade de Santiago de Compostela), “Ante as portas do apóstolo. As escalinatas das prazas da Quintana e das Praterías, en Santiago de Compostela”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará