A Cidade da Cultura convoca un concurso para producir unha obra icónica sobre o Camiño de Santiago

A Cidade da Cultura de Galicia vén de convocar un concurso dirixido a artistas de entre 18 a 40 anos para crear unha obra de arte vinculada co Camiño de Santiago que ocupará un lugar destacado nos exteriores do Gaiás. A peza gañadora situarase no espazo onde desde 2011 se atopaba Singularidade, a creación de Alicia Martín, coñecida de xeito coloquial como A Bóla de Libros, que na primeira década de vida da Cidade da Cultura se transformou nun das súas imaxes máis icónicas e que agora será instalada no interior do Museo Gaiás.

Os artistas interesados deberán presentar os seus proxectos antes do 2 de agosto, e a proposta gañadora será seleccionada por un xurado integrado por Pilar Corredoira, comisaria de arte; Isabel Aguirre de Úrcola, arquitecta e ex directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega; Susana González, comisaria e consultora de xestión cultural; Eduardo López Valiña, conservador-xefe da Fundación Eugenio Granell, e María Pereira Otero, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Para o deseño, a execución e adquisición por parte da Cidade da Cultura da obra, o creador ou creadora seleccionada polo xurando recibirá unha cantidade de 40.000 euros (sen IVE). As obras presentadas deberán ser inéditas, orixinais e non ter sido premiadas noutras convocatorias. Na selección terase en conta a relación conceptual co Camiño de Santiago, así como a elección de materiais e outro tipo de consideracións que atendan a vocación de ser unha creación para situarse nos exteriores.

Este concurso enmárcase nas accións emprendidas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a promoción da creación artística no marco do Plan de reactivación cultural de Xunta de Galicia. As bases do concurso poden consultarse en www.contratosdegalicia.gal ou na páxina web da Cidade da Cultura www.cidadedacultura.gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *