La Xunta de Galicia restaurará os retablos da igrexa do colexio do Cardeal de Monforte de Lemos

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade licitará a vindeira semana o contrato de restauración de oito retablos e outros elementos da igrexa do colexio do Cardeal de Monforte de Lemos.

As novas actuacións suporán unha completa intervención nos retablos de Nosa Señora das Escolas Pías, San Xosé de Calasanz, Santo Cristo, San Xosé, Virxe das Dores, Virxe de Fátima, Santo Antón e a Adoración dos Reis, xunto co púlpito e o tornavoz.

Expoñente do clasicismo herreriano

O colexio Cardeal de Monforte de Lemos, tamén coñecido como colexio de Nosa Señora da Antiga, está protexido polo seu valor cultural, xa que foi decretado Ben de Interese Cultural (BIC) en febreiro deste ano e ademais está incluído na delimitación doutros dous BIC: o conxunto histórico de Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra.

O inmoble é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. Amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súa adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.

Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, debe citarse a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros.

Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga, no que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará