Exposición “Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño” 🗓

Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño presenta unha visión poliédrica e actual do Camiño de Santiago a través da mirada de dez artistas que empregan a fotografía e o audiovisual como medio. Enmarcada na colaboración da Fundación “la Caixa” co Xacobeo 21-22 e comisariada por Nicolás Combarro, a exposición nace como unha iniciativa itinerante que comezou a súa andaina na Coruña en setembro de 2021. A Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, é a derradeira parada destra mostra, onde poderá verse ata o 20 de xullo de 2022.

As referencias ao propio Camiño de Santiago nesta mostra parten de concepcións moi diversas, dende perspectivas históricas ata deconstrucións modernas. O proxecto ofrece tamén unha concepción ampla do feito de camiñar: o percorrido do territorio, novas interpretacións da peregrinación, a deriva, a mirada interior ou as relacións humanas. Trátase dunha mostra quere abrir novos camiños, ofrecendo ás visitantes a posibilidade dunha viaxe aberta e inclusiva na que proxectarse sen un tempo establecido.

A exposición recolle a ollada de artistas de Galicia, con Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, pero tamén notables artistas de fóra aproveitando os diferentes camiños e enlaces con outras rutas históricas. Represéntase o Camiño Inglés, con Olivia Arthur, o Camiño Portugués, con André Cepeda, o Camiño Francés, con Michel Le Belhomme, a Ruta da La, con Cristina de Middel, e a Ruta da Prata, con Miguel Ángel Tornero.

Seis grandes contedores de barco, un deles como punto de información e os cinco restantes como salas de proxección, forman a exposición Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño. Os traballos artísticos móstranse proxectados no interior de cada contedor, ben nun formato de diaporama clásico, con secuencias acompañadas dunha banda sonora orixinal, ben como curtametraxes realizadas especificamente para o proxecto, ben en formatos híbridos de fotografía e vídeo.

A exposición está dividida en 6 grandes contedores situados nos soportais entre a Biblioteca de Galicia e o Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura. O contedor gris funciona como punto de información.

Lugar: Cidade da Cultura. Santiago de Compostela

Data: 20 de maio – 20 de xullo de 2022

Horario: de martes a domingo, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00

Organiza: Xunta de Galicia e Fundación “La Caixa”

from to
Scheduled ical Google outlook Noticias

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará