As distintas asociacións de amigos do Camiño Portugués asinaron, nun acto celebrado no Parador de Tui, un acordo para a creación da nova Federación Internacional de Asociacións do Camiño Portugués de Santiago. A posta en marcha desta federación reforzará o papel das asociacións de amigos do Camiño de Portugués tanto en Galicia como no país veciño á hora de traballar a prol dos valores tradicionais da peregrinación e da súa preservación e difusión.
Este acordo prodúcese no ano no que a Consellería de Cultura e Turismo dedica as principais accións do Plan director do Camiño de Santiago ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués da Costa, coa súa sinalización e mellora ou actividades de dinamización cultural e promoción, entre outros. Neste sentido, Galicia e Portugal están a traballar xuntas no proxecto europeo Fazer Caminho, que aspira optimizar as sinerxías ao redor da ruta xacobea neste territorio. O Camiño Portugués, con máis de 62.000 peregrinos, estase a consolidar como o segundo itinerario más percorrido cun crecemento do 14,5%. Pola súa banda, o Camiño Portugués da Costa recibiu no que vai de ano máis de 12.000 peregrinos, o que supón un 88% máis.