O Camiño de Fisterra e Muxía conta cun novo punto de información en Santiago de Compostela

A Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía, Solpor, presentou onte o seu punto de información en Santiago, situado en Viajes Viloria, fronte da Oficina do Peregrino da rúa Carretas. Solpor alcanzou un acordo coa axencia para a entrega gratuíta das credenciais e mapas que edita, e de información adicional da ruta xacobea que atravesa Ames, Negreira, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. No acto participaron o presidente de Solpor, Jesús Picallo; o responsable de Viaxes Viloria, Manuel Oreiro; o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez; e o responsable de Turismo da Deputación, Xosé Regueira.

O mapa de Solpor e a súa credencial son dous dos grandes logros dunha entidade que integran 106 asociados dos que dependen máis de 700 empregos. Coa axuda da Deputación da Coruña editaron 30.000 mapas e 100.000 credenciais para os peregrinos que fan a prolongación do Camiño a Fisterra e Muxía.

Fonte e fotografía: ©La Voz de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará