
Comisariada por Ramón Yzquierdo Peiró, a exposición ‘Maestro Mateo’ poderase visitar dende o 29 de novembro de 2016 ata o mes de xaneiro de 2017 no Museo Nacional del Prado, o que permitirá darlle difusión e relevancia internacional ao legado do que é, en palabras do director adxunto do Museo, Miguel Falomir, “o escultor máis grande que deu España”.
Trátase dunha mostra única na que se reunirán pezas dispersas do patrimonio mateán, actualmente en mans de diversas institucións e coleccionistas particulares, a través das cales se realiza un completo percorrido polo traballo do Mestre na catedral de Santiago dende 1168 a 1211. En total exporanse 10 pezas e outros 8 obxectos, entre os que se atopan documentos e diversos materiais gráficos e textuais sobre a catedral compostelá e a súa restauración.
A exposición está organizada pola Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, a Fundación Catedral e o Museo Nacional del Prado; colaboran coa mostra a Consellería de Cultura e Educación, o Xacobeo, o Consorcio de Santiago e a Deputación da Coruña.