Os albergues de peregrinos de Melide e Ribadiso convértense nos primeiros da rede da Xunta en acadar a accesibilidade universal

Os albergues de peregrinos de Melide e Ribadiso experimentaron notables melloras destinadas a facilitar o acceso e a estadía a persoas con diversidade funcional grazas á adaptación das contornas e do propio interior dos albergues.

Estas actuacións forman parte do Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago, presentado o pasado verán e ao abeiro do cal téñense adaptado tanto os baños como as habitacións da Rede Pública de Albergues do Xacobeo, preparada para que poida pernoitar neles calquera peregrino. Con esta ambiciosa folla de ruta que traballa en varios eidos, a Comunidade galega aspira a ser un referente internacional do turismo inclusivo.

As actuacións en Melide e Ribadiso, cun investimento conxunto de preto de 200.000 euros, supuxeron a adaptación das contornas dos albergues, con ramplas de acceso, colocación de varandas, establecemento de percorridos secundarios, substitución dos vellos pavimentos por outros antideslizantes e diferenciados ou acondicionamento de prazas de aparcamento.

No interior, colocáronse zócolos protectores en portas, que foron ampliadas nos casos nos que se viu necesario, así como bandas de sinalización, entre outras accións. Na recepción, adecuáronse os postos do persoal responsable para atender aos peregrinos con mobilidade reducida e colocouse un bucle magnético para persoas que empregan audífonos. Os aseos son tamén accesibles, ao igual que os dormitorios, que contan agora con camas á altura correcta. As melloras esténdense ao mobiliario de cociñas, salas compartidas ou lavadoiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará