Turismo de Galicia colocará un total de 140 mouteiras no seu percorrido por Galicia, unha actuación realizada de común acordo cos municipios do Camiño para reforzar a sinalización actualmente existente.
O Camiño de Inverno está pendente da delimitación oficial da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, polo que con esta actuación se reforza, con carácter provisional, a sinalización actualmente existente no Camiño. Esta ruta ten un percorrido de máis de 200 km, atravesa as catro provincias galegas e históricas comarcas, plenas de personalidade e atractivos como as de Valdeorras, Ribeira Sacra ou Deza.
Turismo de Galicia está a realizar a sinalización que reforce a existente e que comprende os municipios de Rubiá, Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras e A Rúa, na provincia de Ourense; Quiroga, A Pobra de Brollón, Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao, Chantada e Sober, na provincia de Lugo e Rodeiro e Lalín, na provincia de Pontevedra.