A Academia Xacobea convoca a segunda edición do Premio de Ensaio Camiño de Santiago

A Academia Xacobea acaba de abrir o prazo de presentación de orixinais para a segunda edición do Premio de Ensaio Camiño de Santiago, un galardón que naceu hai agora 3 anos e cuxa convocatoria se vai alternando de forma anual cos certames de novela e poesía que tamén impulsa esta institución co obxectivo de promover e difundir o Camiño de peregrinación a Compostela e o fenómeno xacobeo en xeral.

Esta nova convocatoria do Premio de Ensaio conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Cultura, e co patrocinio da empresa Aluminios Cortizo. O autor ou autora da obra gañadora recibirá un premio económico de 3.000 euros e, ademais, verá a súa obra publicada tanto en galego como en castelán pola Editorial Galaxia.

O prazo para o envío dos orixinais estará aberto ata o 1 de outubro deste ano, tal como se recolle nas bases que xa se poden consultar na páxina web da Academia Xacobea (www.academiaxacobea.gal). A convocatoria establece tamén que as obras aspirantes deberán ser orixinais e inéditas. Tampouco poderán ter sido premiadas noutros certames nin presentadas como como traballos científicos ou académicos diante de institucións públicas ou privadas. Poderán presentarse en galego ou castelán e a súa lonxitude deberá estar entre 100 e 200 páxinas.

Cinco personalidades do mundo académico e da cultura integrarán o xurado do certame. A súa composición será comunicada a través da web da Academia e a súa decisión farase publica a finais do mes de novembro. O acto de entrega do galardón celebrarase a mediados do mes de decembro.

O autor galardoado na primeira edición do Premio de Ensaio Camiño de Santiago foi o compostelán Jesús Curros Neira por Escenas, imaxes e sons do Camiño, unha obra na que realizou un repaso ao fenómeno xacobeo como fonte de inspiración de diferentes manifestacións artísticas ao longo da historia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *