A Xunta inaugura a Mouteira do Camiño de Santiago que estreita lazos entre Galicia e Corea

O responsable da S.A Xacobeo, Ildefonso de la Campa, viaxou ata a illa de Jeju, en Corea do sur, co obxectivo de inaugurar oficialmente a mouteira instalada nesta illa, no chamado Camiño de Jeju Olle. Con este acto oficial devólveselle a visita que a delegación coreana fixo o ano pasado con motivo da celebración do Xacobeo e no marco da que se asinou un Memorando de Entendemento entre ambos gobernos, o autonómico e o desta provincia autónoma, e se instalou unha escultura coreana no Monte do Gozo.

A illa de Jeju, Patrimonio Mundial da UNESCO e principal destino vacacional para os coreanos, mantén estreitos vencellos co Camiño de Santiago, xa que foi a ruta xacobea a que inspirou a súa creación. Como Camiños da Amizade que son ambos itinerarios levan en contacto desde 2016 estreitando alianzas que agora culminan con esta mouteira do Camiño instalada de xeito simbólico neste itinerario natural coreano.

De feito os peregrinos coreanos que fan o Jeju Olle e logo peregrinan ata Santiago, poden solicitar un certificado de cumprimento de percorrido mutuo, que poden solicitar en Corea e ir selando ata a súa recollida en Galicia.

Corea é o primeiro país asiático emisor de peregrinos, e ocupa o noveno posto no ránking de países con maior número de peregrinos, experimentando un alto crecemento exponencial, pasando de 18 peregrinos en 2004 a 8.224 en 2019, o seu máximo histórico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *