A Xunta recoñece co Premio Elías Valiña ás Asociacións de Amigos do Camiño de Ávila e de Hungría e outorga unha mención especial ao médico José Carro Otero

Premio Elías Valiña

A Xunta de Galicia vén de resolver a XXII edición do Premio Elías Valiña, o galardón co que distingue o labor revitalizador dos valores do Camiño de Santiago. Como se publica no Diario Oficial de Galicia, este ano recae de xeito conxunto nas Asociacións de Amigos del Camino de Santiago en Ávila e na de Hungría. Ademais, o xurado decidiu recoñecer a título póstumo ao médico e antropólogo compostelán José Carro Otero, falecido recentemente, cunha mención especial pola súa contribución á divulgación e investigación da Ruta Xacobea.

Composto por membros da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e por investigadores en materia xacobea, entre outros, o xurado valorou as candidaturas presentadas en función de catro criterios centrados nas intervencións encamiñadas á protección do patrimonio, os traballos de investigación, documentación e fomento do Camiño de Santiago e do fenómeno xacobeo para difundilo entre a cidadanía, a posta en marcha de accións de sensibilización e fomento do asociacionismo ou as accións encamiñadas a potenciar valores propios do Camiño na súa dimensión espiritual, solidaria e social.

Como resultado, a Asociación Amigos del Camino de Santiago en Ávila e a Asociación de los Amigos del Camino de Santiago de Hungría obtiveron empate nas puntuacións acadadas, polo que compartirán o premio, dotado cunha contía de 10.000 euros. No caso da asociación abulense, o xurado valorou o traballo de sinalización e conservación do Camiño de Santiago, pero tamén o seu labor de divulgación e acollida e hospitalidade na esmerada atención aos peregrinos.

Pola súa banda, no caso da Asociación de Amigos do Camiño de Hungría valorouse o seu esforzo por recuperar e manter a esencia dun Camiño que vertebra Centroeuropa identificando as rutas históricas do chamado Camiño Húngaro, así como polas súas iniciativas a prol do mesmo e a súa labor de divulgación a través da xestión de oficinas en Budapest e Szeged.

O xurado dos Premios Elías Valiña acordou propoñer a título póstumo a mención especial a José Carro Otero, médico, antropólogo, docente e académico galego, pero tamén un destacado investigador da Historia e da arte, que finou en abril deste ano. Quérese recoñecer así súa contribución co seu traballo entusiasta de toda unha vida a favor da investigación e a divulgación do fenómeno xacobeo mediante unha perspectiva científica e humanista integral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *