A Xunta restaurará a igrexa de Santa María de Vilabade de Castroverde, no Camiño Primitivo

A Xunta de Galicia restaurará a cuberta da Igrexa de Santa María de Vilabade de Castroverde para reforzar a súa conservación interior e exterior.

Entre as actuacións previstas inclúese a renovación do enlousado da cuberta e colocación de proteccións no campanario e cuberta. Tamén se renovará e saneará a drenaxe perimetral existente e realizaranse intervencións puntuais nas carpinterías exteriores para aumentar a ventilación do interior. Incorporarase, ademais, un illante térmico na cuberta e acometeranse traballos de conservación preventiva nas pinturas murais do seu interior.

A igrexa de Santa María de Vilabade en Castroverde ten as súas orixes na orde franciscana, cunha posible fundación inicial no século XIII, e unha posterior refundición no século XV. A súa arquitectura posúe elementos góticos e outros de épocas posteriores froito das sucesivas transformacións sufridas nos séculos XVI, XVII e XVIII.

As fachadas oeste e sur presentan abundantes elementos medievais, mentres que o pórtico da entrada principal co seu frontón e arcada frontal é neoclásica. A súa planta é dunha soa nave dividida en tres tramos por arcos apuntados cunha tribuna aos pés. O presbiterio está rematado por un valioso retablo barroco de Francisco de Moure, tras o que se desenvolve a sancristía en dúas alturas a modo de chirola. Nas paredes laterais destacan dous retablos barrocos e pinturas murais deterioradas pola humidade.

A igrexa está protexida polo seu valor cultural ao ter a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento. E é un dos máis de 700 BICS galegos. Está incluída no Catálogo de Protección do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castroverde. Ademais, está situada no Camiño Primitivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *