Turismo de Galicia e a Deputación da Coruña sentan as bases para a creación da Mesa do Camiño de Santiago na provincia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, mantivo unha xuntanza de traballo co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, co obxectivo de afondar na cooperación interadministrativa. De feito, entre os temas abordados estivo a creación da Mesa do Camiño de Santiago na provincia da Coruña, proxecto para o que se sentaron as bases e que repercutirá nunha mellor gobernanza dos diferentes itinerarios.

O impulso a este tipo de mesas de traballo, das que xa existen exemplos nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, é un dos obxectivos do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, co que desde hai máis de dous anos a Xunta de Galicia está a responder ás necesidades actuais do fenómeno xacobeo e a preparar o vindeiro Xacobeo 2021.

Así, a liña 1 deste Plan director dedícase por completo a coordinación e organización administrativa a todos os niveis, fomentando á vez as relacións internacionais, o apoio ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago ou a colaboración coas entidades eclesiásticas, entre outras iniciativas.

Este tipo de órganos coordinadores, cuxo impulso corresponde ás deputacións, facilita o diálogo entre os concellos, que estarán representados neste novo órgano coordinador que é recibido co receptividade. A Xunta de Galicia amosou a súa dispoñibilidade a colaborar na súa configuración, consciente da relevancia do Camiño de Santiago na provincia coruñesa, onde se atopa a meta da ruta e, polo tanto, o final de todos os itinerarios. Mesmo dous deles transcorren integramente no seu territorio: o Camiño Inglés e o Camiño de Fisterra e Muxía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *