Víctor Manuel Vázquez Portomeñe recibe as credenciais de Embaixador de Honra do Camiño de Santiago

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe que conducira o Camiño ao seu rexurdimento para engrandecer a Galicia e facer dela unha orixe e un destino universal. O mandatario, no acto de recoñecemento de Portomeñe como Embaixador de Honra do Camiño de Santiago, salientou a sabedoría do homenaxeado por facer da ruta unha metáfora da evolución de Europa cara unha maior integración baseada en metas comúns.

No acto que tivo lugar no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o titular do Goberno galego puxo en valor as múltiples facianas de Portomoñe, desde o seu papel fundamental nos inicios do autogoberno galego e na redacción do Estatuto de Galicia ata o seu servizo público como conselleiro da Xunta, sen esquecer a súa profesión no eido da avogacía e a súa contribución ás letras como escritor.

Como resultado do traballo realizado por Víctor Manuel Vázquez Portomeñe reforzouse o prestixio do Camiño como itinerario de peregrinación histórico, na estela da súa declaración como primeiro Itinerario Cultural Europeo por parte do Consello de Europa en 1987. Ademais de contribuír á riqueza económica de Galicia, o Xacobeo 93 favoreceu ese mesmo ano a declaración por parte da Unesco do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade.

Co seu nomeamento como Embaixador de Honra do Camiño, Víctor Vázquez Portomeñe súmase a unha nómina de persoeiros que engrandecen aínda máis a súa contribución á Galicia contemporánea e da que forman parte o rei Felipe VI, o rei emérito Juan Carlos I, Mariano Rajoy, Vicente del Bosque e Carlos Herrera, ademais de institucións como o Consello de Europa.

Vídeo homenaxe a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe: https://youtu.be/TqW3-YXKS5A

Vídeo sobre o impacto económico do Camiño de Santiago: https://youtu.be/rEnM4US2QfQ

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *