A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), premio internacional APECSA 2021

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) é a gañadora da IX edición do premio internacional APECSA 2021, convocado pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA). O xurado, presidido polo vicepresidente da Asociación promotora, Luís Celeiro Álvarez, destacou e valorou moi positivamente o traballo das escritoras e escritores, realizado ao longo do ano 2020, fortalecendo a nosa cultura, a nosa identidade e os símbolos da mesma, entre eles o Camiño de Santiago, que dende os seus comezos foi un tránsito de cultura e coñecemento, un espazo de arte, de aprendizaxe e de distribución de saberes.

Segundo o xurado, do que tamén formaban parte os xornalistas, Xosé Luís Muñoz e Carmen prado, do Colexio de Xornalistas de Galicia e da Asociación de Periodistas de Santiago, respectivamente; Xabier Goyanes, da Asociación Pazos de Galicia, e Purificación Carballo, que actuou como secretaria, de APECSA, a literatura, cos seus diversos xéneros, ao longo da historia, estivo moi unida e deulle vida ao Camiño de Santiago, como demostra a mesma literatura trobadoresca e como exemplifica Códice Calixtino.

O catedrático de Latín, peregrino e escritor, Alejandro Uli, a quen se lle dedica esta Edición do Premio, axudou tamén a engrosar as bibliotecas xacobeas nesta época contemporánea, igual que moitos dos escritores da AELG, como Uxío Novoneyra, co seu “Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas” ou moitos outros dos membros da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Valorouse a actividade ininterrompida da AELG, co nomeamento do Escritor Galego Universal, a homenaxe ao autor na súa terra, as actividades programadas para o Día de Rosalía de Castro, os paseos literarios e os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, a organización ou coorganización de xornadas de formación, dirixidas ao estudo, das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores-as/educadores-as/mediadores-as da lectura e o traballo da Asociación nas xornadas de Literatura de Tradición Oral.

Na VIII edición, correspondente a 2020, o gañador do Premio foi o grupo musical A Quenlla e en edicións anteriores foron ganadoras de este Premio, as Universidades de Santiago de Compostela e a italiana de Cagliari, mentres que na edición correspondente ao ano 2018, o Premio foi para o Parlamento de Galicia. Tamén foron premiados, noutras edicións, a Revista Peregrino, editada por la Federación Española de Asociacións de Amigos del Camiño de Santiago; Segundo Pérez, responsable da Oficina do Peregrino de Santiago, e Javier Gómez-Montero, catedrático de Literaturas Románicas da Universidade de Kiel (Alemaña).

Fonte: Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *