A Xunta de Galicia rehabilitará o retablo da capela da Venerable Orde Terceira en Mondoñedo

A Xunta de Galicia ampliará o alcance dos traballos feitos na capela da Venerable Orde Terceira do antigo Convento de Alcántara, en Mondoñedo, actuando tamén no retablo. Este valioso recurso cultural do Camiño do Norte onde o Goberno galego vén de resolver as patoloxías e danos que afectaban ao inmoble.

Actualmente os técnicos están a realizar estudos arquitectónicos co fin de procurar a mellor proposta de restauración posible.

No caso da obra que vén de rematar, as actuacións centráronse en resolver danos tanto no exterior como no interior da capela, que presentaba un aspecto moi descoidado con problemas relacionados coa presenza de humidades e o uso de materiais inadecuados.

Así na zona de capela o obxectivo foi crear un ambiente óptimo para a conservación, reverter as intervencións desafortunadas, comunicar de novo a capela coa Igrexa de San Pedro e adecuar o conxunto para os usos habituais recuperando, na medida do posible, o aspecto orixinal.

Nas fachadas, pola súa banda, os traballos estiveron dirixidos a mellorar as condicións de humidade mediante a eliminación dos revestimentos de cemento, a aplicación dunha nova revocadura e a creación dunha nova drenaxe na base dos muros. Ademais, na cuberta instaláronse novos canalóns e baixantes e modificouse o cumio formado por tella por un de lousas.

En canto ás madeiras, no transcurso das actuacións substituíuse a escaleira de caracol reforzando a varanda, incorporouse unha nova ventilación nas ventás e restaurouse o portalón exterior e as portas interiores. Por último, a proxecto tamén contemplou a creación dunha nova instalación eléctrica e a renovación das pinturas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *